Ir ao contido principal
BIBLIOGUÍAS
Universidade de Vigo

Acceso aberto

É o mesmo "acceso aberto" que "acceso libre"?

Non. Moitas veces pódese acceder a un artigo a través de Internet e pódese ler de maneira gratuíta. Con todo, para considerar que un documento estea publicado en "acceso aberto" é necesario que ademais de ser de acceso gratuíto, permita a súa difusión e reutilización.

Nas webs dos editores, podes atopar artigos  de "acceso libre" ou "free access", estes artigos están protexidos por copyright (os dereitos de explotación foron cedidos á editorial) e non se poden difundir nin reutilizar sen permiso.

 

Os documentos publicados en acceso aberto poden identificarse porque levan o logo dun cadeado aberto que representa tanto a apertura económica (gratis) como a xurídica (libre dalgúns dereitos). Para facilitar a reutilización legal dos contidos, estes documentos empregan licencias Creative Commons que indican os usos que se poden facer dos contidos. 

As publicacións en acceso aberto teñen dereitos de autor?

Si, o autor ou a autora conserva os dereitos e mantén o control sobre a súa obra, ao contrario que na publicación tradicional na que cede os dereitos de explotación ao editor. Os dereitos quedan protexidos utilizando licenzas Creative Commons que permiten indicar os usos que se poden facer da obra.

Publicar en acceso aberto afecta ao impacto da miña investigación?

Non. A calidade dos contidos non depende de que as publicacións estean abertas ou pechadas. Con todo, os traballos publicados en acceso aberto poden chegar a unha audiencia máis ampla que os que se accede por subscrición, polo tanto, aumentan as posibilidades de ser citados.

O acceso aberto elimina a revisión por pares?

Non. O acceso aberto non substitúe nin elimina os mecanismos de fixación de calidade xa establecidos para a produción científica, é dicir, que non cuestiona o sistema de revisión por expertos, que é a base da comunicación científica.
O acceso aberto céntrase na difusión, no uso e na reutilización de contidos científicos. Isto non interfire para nada nos sistemas de revisión da calidade das publicacións científicas (xa sexan o peer review das revistas ou a actividade dos índices e as axencias de avaliación) que teñen os seus criterios de validación. Polo tanto, o acceso aberto non elimina os sistemas de control de calidade.