Ir ao contido principal
BIBLIOGUÍAS
Universidade de Vigo

Bibliometría

Indicadores bibliométricos

Os indicadores bibliométricos son instrumentos cuantitativos utilizados para avaliar e analizar a produción científica, a partir de información obtida das publicacións e das citas que estas reciben. A súa aplicación abrangue diversos ámbitos, desde a valoración da calidade e produtividade ata o impacto da investigación, tanto a nivel individual como colectivo (persoas investigadoras, grupos de traballo, institucións académicas ou mesmo países).

Un dos principais usos destes indicadores é medir a produtividade científica, é dicir, o número de publicacións realizadas por unha persoa ou entidade durante un determinado período. Ao mesmo tempo, permiten analizar o impacto ou repercusión deses traballos dentro da comunidade científica, mediante o reconto das citas recibidas. Este tipo de avaliación é fundamental para identificar as contribucións máis significativas nunha área de coñecemento.

Entre os indicadores máis utilizados atópanse o total de publicacións e citas, os índices de impacto das revistas, así como indicadores normalizados que permiten comparacións máis equitativas entre diferentes disciplinas ou contextos.

Estes instrumentos son especialmente relevantes en procesos de avaliación científica, como a concesión de axudas á investigación, acreditacións docentes, solicitudes de sexenios ou elaboración de ránkings universitarios. Porén, é importante ter presente as súas limitacións: non sempre ofrecen unha imaxe precisa da calidade ou relevancia real da produción científica, polo que se recomenda acompañalos con análises cualitativas e de contexto.

A bibliometría pode aplicarse a diferentes escalas —desde artigos individuais ata países— e tamén a revistas científicas ou editoriais.

Principais indicadores bibliométricos

A continuación preséntase unha listaxe dos principais indicadores bibliométricos que se empregan na análise bibliométrica. Preme nas ligazóns para obter máis información.

Indicador
Número de publicacións de impacto Número total de publicacións en revistas con índice de impacto segundo JIF (WoS), SJR, CiteScore, SNIP (Scopus) ou IDR (Dialnet)
Número de citas recibidas Mide a repercusión das publicacións segundo o número de veces que son citadas
CNCI Compara o número de citas recibidas por unha publicación co número medio de citas das publicacións semellantes na mesma categoría e ano
FWCI Relación entre o número real de citas dunha publicación e o número esperado segundo o campo temático, tipo de documento e ano
FCR Taxa de citas ponderada en función do número de autores/as ou institucións involucradas
Percentil de citación

Indica a posición relativa dunha publicación dentro dun conxunto de publicacións ordenadas polo número de citas recibidas. Canto máis alto, maior impacto.

Factor de Impacto (JIF) Media de citas recibidas polas publicacións dunha revista nos dous anos anteriores.
CiteScore Media de citas por documento nun período de catro anos.
SNIP Axusta o número de citas en función do potencial de citación do campo temático.
SJR Mide a prestixio das revistas ponderando as citas segundo a relevancia das fontes que as emiten.
Eigenfactor Score Métrica que mide o impacto social dunha revista, excluíndo autocitas e tendo en conta a procedencia das citas
Normalized Eigenfactor Versión normalizada do Eigenfactor para facilitar a comparación entre revistas
Article Influence Score Media do impacto das publicacións dunha revista en función das citas que reciben nos cinco anos posteriores á súa publicación
JCI

Media do CNCI dos artigos publicados nunha revista nos tres anos anteriores

Índice H

Mide tanto a produtividade como o impacto do traballo dun autor ao longo do tempo

Cuartil, tercil, decil

Indica a posición relativa dunha revista científica dentro da súa área temática, baseada en métricas de impacto.