Ir ao contido principal
BIBLIOGUÍAS
Universidade de Vigo

Bibliometría

Servizos bibliométricos da biblioteca

A Área de Servizos Bibliométricos da Biblioteca da Universidade de Vigo proporciona apoio especializado ao persoal docente e investigador no ámbito da análise e xestión da produción científica. Este servizo ten como obxectivo facilitar a avaliación da actividade investigadora e optimizar a visibilidade e impacto das publicacións académicas. Entre as súas principais funcións destacan:

  • Acreditacións e sexenios: brindamos asistencia na preparación das solicitudes de avaliación da actividade investigadora, como os procesos de acreditación para figuras docentes universitarias ou a solicitude dos sexenios de investigación, para o que proporcionamos datos bibliométricos e recomendacións para mellorar as posibilidades de éxito.

  • Asesoramento e corrección de perfís en bases de datos científicas: ofrecemos asistencia para a revisión, actualización e unificación dos perfís de autoría en bases de datos e plataformas como ORCID, Scopus, Web of Science, entre outras. Un perfil correctamente configurado contribúe a unha mellor visibilidade da produción científica e a unha identificación máis precisa do/a autor/a nas avaliacións.

  • Sinatura científica normalizada: aconsellamos sobre o uso correcto e consistente da sinatura científica nas publicacións científicas, co obxectivo de evitar ambigüidades e garantir unha adecuada atribución das publicacións. Isto inclúe recomendacións sobre variantes do nome, filiación institucional e identificadores persistentes como ORCID.

  • Elaboración de informes bibliométricos: realizamos informes bibliométricos a medida, que inclúen análises cuantitativas e cualitativas da produción científica individual ou colectiva. Estes informes poden empregarse para procesos de avaliación, xustificación de proxectos, apoio á planificación estratéxica ou seguimento da actividade investigadora.

  • Apoio á publicación: ofrecemos orientación durante todas as fases do proceso de publicación científica, desde a elección da revista máis axeitada ata a revisión das métricas de impacto ou o cumprimento dos requisitos de acceso aberto.