Ir ao contido principal
BIBLIOGUÍAS
Universidade de Vigo

Bibliometría

Web of Science

Estes son os indicadores bibliométricos máis relevantes que se poden obter en Web of Science:

  • Número de citas: total de veces que unha publicación foi citada por outras. 

  • Índice h (h-index): mide a produtividade e o impacto, indicando cantos traballos teñen polo menos "h" citas cada un.

  • Factor de Impacto (Journal Impact Factor - JIF): representa a media de citas recibidas polos artigos dunha revista nos dous anos anteriores.

  • Journal Citation Indicator (JCI): impacto normalizado dunha revista, baseado na media do impacto (CNCI) dos seus artigos. Permite comparacións entre disciplinas.

  • CNCI (Category Normalized Citation Impact): mide o impacto de citas dun artigo en relación coa media mundial da súa categoría, tipo de documento e ano de publicación. 

  • Citas esperadas / previstas (Expected Citations): número de citas que se espera que reciba un artigo segundo o comportamento medio na súa categoría temática ou na revista onde se publica.

  • JNCI (Journal Normalized Citation Impact): media do impacto das citas normalizado dos artigos publicados nunha revista. 

  • Percentil: sitúa un artigo dentro da súa categoría temática segundo o número de citas. 

  • Cuartil da categoría (Q1, Q2, Q3, Q4): clasificación das revistas en catro grupos dentro da súa área temática, segundo o seu rendemento.

  • Categoría e rango: información sobre a área temática na que está clasificada unha revista e a súa posición dentro desa categoría.

  • Uso en Web of Science: métrica de interacción que mostra as visualizacións e descargas dun artigo na plataforma. Indica interese recente, aínda que non necesariamente impacto académico.

InCites

InCites é a ferramenta de análise bibliométrica que utiliza os datos de Web of Science para examinar os actores da investigación (institucións, revistas, persoas investigadoras etc.). Estes son algúns dos indicadores que se poden obter en InCites:

  • Número de publicacións: cantidade total de traballos científicos (artigos, revisións, capítulos etc.) dunha persoa, grupo ou institución nun período determinado.

  • Número de citas recibidas: total de veces que as publicacións foron citadas por outros traballos científicos.

  • Promedio de citas por publicación: media das citas que recibe cada publicación, calculada dividindo o total de citas polo número de publicacións. 

  • Índice h (h-index): métrica que reflicte tanto a produtividade como o impacto. 

  • Journal Impact Factor (JIF) dunha revista: indicador que mide a frecuencia media coa que os artigos dunha revista son citados nun período determinado.

  • % de publicacións en revistas Q1, Q2, Q3, Q4 (segundo JCR): porcentaxe de artigos publicados en revistas clasificadas en cuartís segundo o Journal Citation Reports.

  • Category Normalized Citation Impact (CNCI): métrica que compara o número de citas dunha publicación coas citas esperadas para traballos da mesma categoría, ano e tipo.

  • Highly Cited Papers: publicacións que se sitúan entre o 1% máis citado da súa área científica.

  • Hot Papers: publicacións recentes que están a recibir citas a unha taxa moi alta.

  • Colaboración internacional, institucional, sectorial: medida da participación con outros países, institucións ou sectores (público, privado, académico) nas publicacións.

  • Open Access (%): porcentaxe das publicacións que están dispoñibles en acceso aberto.

  • Times Cited / Expected Citation Rate: relación entre o número de citas reais recibidas e as citas que se esperarían para ese campo ou disciplina.

Journal Citation Report (JCR)

Journal Citation Indicators (JCR) proporciona indicadores bibliométricos para as revistas indexadas en Web of Science:

  • Impact Factor (Factor de Impacto): mide o número medio de citas que reciben os artigos publicados nunha revista nos dous anos anteriores.

  • 5-Year Impact Factor (Factor de Impacto a 5 anos): calcula a media de citas recibidas ao longo dos cinco anos anteriores, útil para disciplinas con ciclos de citación máis longos.

  • Journal Citation Indicator (JCI): indicador normalizado que permite comparar revistas de diferentes áreas. 

  • Eigenfactor Score: avalía a influencia global dunha revista na literatura científica, tendo en conta tanto o número como a calidade das citas recibidas. Exclúe as autocitas.

  • Article Influence Score: mide a influencia media dos artigos dunha revista durante os cinco anos seguintes á súa publicación. Está relacionado co Eigenfactor.

  • Immediacy Index: indica a rapidez coa que os artigos dunha revista son citados, baseándose nas citas recibidas no mesmo ano da súa publicación.

  • Cited Half-Life: representa a mediana da antigüidade dos artigos citados nun ano determinado, indicando a duración do impacto da produción científica da revista.

  • Citing Half-Life: reflicte a antigüidade mediana dos artigos que unha revista cita, mostrando a actualidade das fontes que utiliza.

  • Número total de artigos publicados: recolle a cantidade de documentos considerados "citable items" (como artigos e revisións) publicados pola revista.

  • Número total de citas recibidas: indica o número total de citas que recibiron os artigos da revista, sen importar o ano de publicación.