Ir ao contido principal
BIBLIOGUÍAS
Universidade de Vigo

Biblioguía de citas no estilo IEEE

Pautas xerais

IEEE emprega un sistema numérico no que as citas realízanse inserindo unha secuencia de números no texto e as referencias completas van ao final do documento ordenadas segundo eses números.

Na cita no texto cada referencia identifícase por un número, tendo en conta que

  • Cada número vai entre corchetes [ ] na mesma liña do texto, cun espazo antes do corchete. Por ex.: 

Esta teoría apareceu no ano 1987 [3] e demostra .... 

  • Unha vez asignado un número a unha referencia, todas as veces que se cite de novo poñerase o mesmo número; é dicir, as citas subseguintes reciben o mesmo número que a primeira vez que se citou. Non obstante, se indicamos a páxina ou outra parte, empregaremos a seguinte forma:    

[4, pp. 5-10], [4, Ch.  2, pp. 6-21], [4, Fig. 1], [4, Sec. 6.5]. 

  • Se citamos máis dunha fonte á vez é preferible que cada unha vaia nos seus propios corchetes. Por ex.:

Como indican varios estudos [1], [5], [8]... 

  • Non se inclúe a palabra "referencia", excepto que sexa o comezo dunha frase. Por ex.:   

A referencia [3] amosa ...

  • Non hai que incluír os apelidos dos autores, agás que consideremos que é importante para a comprensión da frase, e neste caso ponse a continuación do/s apelido/s o número correlativo entre  corchetes (se son 3 ou máis autores ponse o primeiro seguido de et al. en cursiva). Por ex.:    

Recentes estudos [1] suxiren que...
Brown [2] argumentou que...
Como sosteñen Smith et al. [3] as condicións...