Ir ao contido principal
BIBLIOGUÍAS
Universidade de Vigo

Índice H

Que é o Índice H

O índice H é unha métrica utilizada para medir tanto a produtividade como o impacto dun investigador a través das súas publicacións académicas. Foi proposto polo físico Jorge Hirsch no ano 2005 e calcúlase a partir do número de artigos publicados por un autor e o número de citas que eses artigos recibiron. Por exemplo, un índice H de 10 significa que o autor ten 10 publicacións con polo menos 10 citas cada unha.

Na seguinte gráfica ilustrase o concepto do índice H. A curva mostra as citas de cada artigo ordenadas de maior a menor. A liña discontinua representa a condición para calcular o índice H: o punto onde o número de citas é igual ou maior ao número de artigos. Ese punto de intersección (marcado en vermello) indica o valor do índice H.

Este índice busca equilibrar a cantidade de publicacións coa súa calidade ou relevancia, medida en citas. Non ten en conta a autoría compartida, a variabilidade entre disciplinas, nin a calidade das citas. Pode calcularse para calquera conxunto de documentos, non só para autores individuais. Aplícase tamén a revistas científicas, grupos de investigación ou institucións.