Ir ao contido principal
BIBLIOGUÍAS
Universidade de Vigo

Acceso ás revistas e artigos científicos

Acceso a artigos científicos

O acceso ao texto completo dos artigos científicos non sempre é doado:

  • Hai revistas científicas que proporcionan acceso gratuíto aos seus artigos ou a unha parte deles. Estas revistas poden estar financiadas por institucións, organismos etc. ou exisir un pago polo procesamento do artigo, o que se coñece como APC (Article Processing Charges), que asume o autor/a ou a súa institución na maioría dos casos.
  • Pero hai moitas revistas científicas que requiren dunha subscrición para poder acceder aos seus contidos ou pagar pola descarga, aínda que en ocasións outras versións deses artigos poidan estar en libre acceso (pre-prints...).

Existe unha ferramenta (Sci-Hub) que proporciona o texto completo dos artigos de revistas saltándose a subscrición ou o pago por descarga, utilizando mecanismos que non son legais. Alén de non ser legal empregar este tipo de ferramentas, non é necesario recorrer a elas posto que a Universidade de Vigo pon a disposición da comunidade universitaria unha ampla colección de revistas subscritas (impresas e electrónicas), amais de contar cun servizo de Préstamo Interbibliotecario e Acceso ao Documento que permite conseguir documentos que non se atopan na nosa colección.