Ir ao contido principal
BIBLIOGUÍAS
Universidade de Vigo

Scopus Author ID e perfil de autor/a

Que é Scopus Author ID

A base de datos Scopus proporciona un número de identificación a cada autor/a, que se denomina Scopus Author ID, e un perfil de autor/a asociado a ese número.

Cada vez que Scopus indexa unha nova publicación, realiza de xeito automático unha busca dos seus autores/as, e no caso de que xa teñan perfil e identificador en Scopus, engade esa publicación ao seu perfil. Pero cando non detecta que unha persoa xa ten identificador e perfil, crea automaticamente un novo. Ese é o motivo polo que moitas persoas contan con dous ou máis perfís en Scopus, e polo tanto dous ou máis Scopus Author ID.

Cómpre que os autores e autoras con publicacións indexadas en Scopus comproben que teñen un único perfil no que están agrupadas todas as súas publicacións. Se non é así, poden solicitarlle a Scopus a fusión de distintos perfís. E tamén pode editar o seu perfil para corrixir, engadir ou eliminar información. Nesta guía explicamos como facelo.

Vantaxes do perfil de autor/a de Scopus:

  • Créase automaticamente ao ter publicacións en Scopus.
  • Permite xerar listaxe de publicacións e métricas de citación.

Limitacións do perfil de autor/a de Scopus:

  • As identificacións dos/as autores/as non sempre son correctas.
  • Non se poden importar publicacións doutras fontes.

Contido dun perfil de autor/a

1. Datos de identificación do/a investigador/a: nome, filiación á que estás vinculado/a segundo os datos da última publicación indexada en Scopus e números de identificación (Scopus Autor ID e ORCID iD). Para ver as variantes de nome e o histórico de filiacións preme na ligazón "View more". O ORCID iD so aparecerá se tes vinculado o teu perfil de ORCID co teu perfil de Scopus. 

2. Métricas: número de citas, publicacións indexadas en Scopus, índice h etc. No apartado "Document & citation trends", debaixo da gráfica, podes acceder ao informe xeral de citas, premendo na ligazón "Analyze author output" ou "Citation overview". Ten en conta que esta información refírese ás publicacións incluídas neste perfil.

3. Alertas e outras xestións: "Set alertpermite configurar o envío de avisos ao correo electrónico se publicas un novo documento ou se unha publicación recibe unha nova cita. Tamén podes gardar unha lista, solicitar correccións no perfil premendo na pestana "Edit profile" (eliminar publicacións, fusionar perfís etc) ou exportar o perfil a Scival (ferramenta bibliomátrica de Scopus) premendo na pestana "...More".

4. Pestanas:

  • Número de documentos: número de publicacións indexadas en Scopus e vinculadas a este perfil. Desde esta pestana, podes ver e exportar publicacións a xestores bibliográficos en distintos formatos ou ao Curriculum Vitae Normalizado da FECYT.
  • Impacto: colaboración (internacional, académico-empresarial), obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS), percentís, etc.
  • Publicacións que citan os documentos incluídos no perfil.
  • Preprints: procedentes dos repositorios arXiv, ChemRxiv, bioRxiv, medRxiv, SSRN, TechRxiv, and Research Square desde 2017.
  • Coautorías e documentos publicados con esas persoas.
  • Áreas de investigación: análise do impacto de cada publicación dun/ha autor/a dentro das materias específicas nas que investiga.
  • Subvencións/ financiamento, se as publicacións incluídas no perfil aportan datos neste sentido.