As ferramentas de intelixencia artificial (IA) facilitan a creación de contido e melloran os procesos que interveñen na investigación científica, xa que permite xerar texto, producir imaxes ou elementos gráficos, análise de datos etc. Pero non verifican a fiabilidade da información que ofrecen.
Por iso as ferramentas de intelixencia artificial (ChatGPT, Gemini ou Copilot) non substitúen a buscadores de información científica. En moitas ocasións ofrecen información que aparentemente procede de fontes fiables, pero que en realidade é información falsa xerada polas propias ferramentas. É dicir, "inventan" estudos e artigos que non se publicaron e inclúen referencias bibliográficas falsas.
Por exemplo, Gemini, a ferramenta de IA de Google, proporcionou esta referencia:
La evaluación de las competencias en el ámbito de la formación profesional: un análisis de las programaciones didácticas de los ciclos formativos de grado superior en Galicia" por J. A. Vilaboa-López y M. J. Rodríguez-García (https://dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/8211562.pdf)
A referencia remite a un documento en Dialnet, con título e autores diferentes. Este documento non existe, nin en Dialnet, nin en ningunha outra fonte de información.
É importante, polo tanto, que verifiques sempre as fontes e a información facilitadas pola intelixencia artificial.
Por outra banda, os contidos xerados por IA explotan a propiedade intelectual das persoas, o que comporta preocupacións éticas relativas á orixinalidade e o plaxio. Así pois, debemos utilizar a IA de maneira ética, responsable e sabendo os riscos e consecuencias que entraña. Cando asinas un traballo, es responsable do seu contido, tamén das partes producidas pola IA e, polo tanto, responsable de calquera infracción ética.
Ademais, o uso de ferramentas de intelixencia artificial para a xeración ou reelaboración de contidos (texto, imaxes, datos etc.) nos traballos académicos e de investigación implica a necesidade de citar esa información. Temos que citala adecuadamente para distinguir as contribucións que proceden da IA, e describilas de maneira detallada indicando: o nome da ferramenta ou linguaxe empregada, a versión, a compañía propietaria, a aplicación que se fixo dela, a petición ou prompt, a resposta e a data na que se xerou o contido.
Algúns estilos como APA e MLA xa elaboraron as súas propias normas ou recomendacións de citación da intelixencia artificial. Pero o feito de citar a ferramenta de intelixencia artificial non exime da responsabilidade da persoa autora de comprobar a veracidade do contido e de citar correctamente as fontes orixinais.