Academia.edu é unha plataforma en liña orientada á difusión de traballos académicos que ten por obxectivo permitir que persoas investigadoras e académicas compartan as súas publicacións, conecten con outros profesionais do seu ámbito e accedan, de forma gratuíta, á investigación doutras persoas rexistradas.
Academia.edu ofrece diversos indicadores que permiten avaliar o impacto social e académico dos contidos publicados na súa plataforma. Estes indicadores distribúense en dous niveis: a nivel de autoría e a nivel de documento.
1.Indicadores a nivel de autoría:
Seguidoras (Followers): número de persoas que seguen un perfil en Academia.edu. Ao seguir a alguén, recibes notificacións sobre as súas novas publicacións e actividades. É un indicador do alcance e influencia dese perfil dentro da plataforma.
Seguidas (Following): persoas rexistradas que un perfil decidiu seguir. Permite estar ao tanto das súas actualizacións e publicacións.
Coautoría (Co-authors): número de persoas coas que un autor ou autora publicou traballos de maneira conxunta e que tamén teñen perfil en Academia.edu. Reflicte a súa rede de colaboración científica.
Visitas totais (Public views): número acumulado de visualizacións que recibiron os documentos, o perfil ou outros contidos do/a autor/a. Mide a visibilidade e o interese que xera a súa actividade.
Citas (Mentions): número de veces que o teu perfil ou os teus documentos foron mencionados por outras persoas na plataforma.
Percentil de visitas (Top): indica a posición relativa dunha persoa respecto doutras segundo o número de visitas. Só se mostra en perfís que están dentro do 5 % superior da plataforma.
AuthorRank: métrica composta que avalía a influencia global dunha persoa rexistrada en Academia.edu. Ten en conta factores como visualizacións, descargas, persoas seguidoras e outras interaccións. Aínda que o algoritmo exacto non é público, un AuthorRank elevado indica unha presenza destacada na plataforma. Esta información aparece debaixo do perfil de autor/a, pero só é visible para esa persoa.

2. Indicadores a nivel de documento:
Número de visualizacións: reflicte cantas veces foi visualizado un documento específico na plataforma. É unha medida directa do interese que xera ese traballo concreto.
PaperRank: índice que mide o impacto relativo dun documento dentro de Academia.edu. Semellante ao AuthorRank, pero aplicado a un traballo individual. Considera factores como o número de visualizacións, interaccións, visibilidade e outros elementos relacionados. Un PaperRank alto indica que o documento é relevante ou influente. Esta métrica só é visible para o autor ou autora.
