Ir ao contido principal
BIBLIOGUÍAS
Universidade de Vigo

Citar e referenciar

Tipos de citas no texto

Realizamos unha cita indirecta ou paráfrase cando explicamos coas nosas propias palabras as ideas contidas no traballo doutro autor/a.
Nestes casos non abonda con cambiar as palabras do texto orixinal por sinónimos, senón que hai que explicalo coas nosas propias palabras e co noso estilo. Ademais, é preciso engadir a cita da fonte de onde sacamos a información.

Exemplo de cita indirecta ou paráfrase co sistema Autor-Data: 

Este tipo de probas psicométricas tivo unha ampla aceptación, sendo aínda na actualidade empregado en diversas investigacións que estudan os comportamentos creativos en diferentes ámbitos (Kim, 2006), así como en investigacións de metodoloxías de desenvolvemento da creatividade motriz desde a área de educación física (Justo e Franco, 2008).

Exemplo de cita indirecta ou paráfrase co sistema numérico:

Moitos autores atribúen á tecnoloxía un papel importante no sector educativo [1]. No futuro, Internet e outras tecnoloxías da información promoverán melloras na educación [2]. Ademais, a aprendizaxe dixital axudará a dar resposta aos retos da sociedade do coñecemento e a unha formación máis eficaz [3].

Realizamos unha cita textual ou directa cando empregamos as palabras exactas da fonte.
Este tipo de citas deben utilizarse con moderación, e limitala sobre todo aos casos nos que queremos subliñar unha frase ou sentenza, transcribíndoa de forma literal.
Ademais, teremos en conta que debe:

  • Ter unha extensión razoable, máis ben curta.
  • Ir acompañada por unha explicación ou interpretación da cita.
  • Poñerse dun xeito que permita distinguila perfectamente do resto do texto: entre comiñas, cursiva, parágrafos independentes, tabulación etc. (depende do estilo e/ou do número de palabras que se reproducen).
  • Na marioría dos estilos indícase tamén o número da/s páxina/s da parte concreta que citamos.

Exemplo de cita textual ou directa co sistema Autor-Data:

A fase preparatoria constitúe a preparación para o cambio e nela xérase e asúmense a idea de tránsito. As accións pedagóxicas postas en práctica na institución educativa deben estar encamiñadas a facilitar que alumnos, familias e docentes valoren “as perdas e os beneficios que comporta devandito cambio, como tamén coñecer anticipadamente a maneira de facer do novo centro” (Argos e Ezquerra Muñoz, 2004, p. 59). A seguinte etapa, fase de cambio, abarca a saída da escola ata a incorporación no novo centro educativo.

Exemplos de cita textual ou directa co sistema numérico:

Antes de iniciar os estudos en pacientes con condicións similares determinouse que “as persoas sometidas a tratamentos non invasivos reflicten unha óptima recuperación"(4, p.23).

Segundo López  2 (p.1) "o rol do coidador informal implica unha carga física e emocional elevada".

Se citamos unha obra que aparece citada noutra fonte, é dicir, cando non temos a información orixinal senón a través da obra que a cita, hai  que indicar tanto a fonte orixinal coma a da fonte da que se extrae. 
O uso deste tipo de cita debe ser limitado, e o máis recomendable é consultar a fonte orixinal se resulta posible.

Exemplo:

Pola súa parte, Kolich (1982 cit. en Zarfsaz e Ahmadi, 2017) relaciona o plaxio coa integridade académica, e isto é sinónimo de confianza, respecto e responsabilidade.