Ir ao contido principal
BIBLIOGUÍAS
Universidade de Vigo

Perfil de Google Académico

Como crear un perfil en Google Académico

Antes de crear un perfil en Google Académico, debes comprobar que non tes xa creado un con anterioridade. Busca o teu nome no buscador de Google Académico e comproba se aparece na parte superior dos resultados, tal como indicamos no apartado anterior. Busca o teu nome de varios xeitos, cun ou dous apelidos, con ou sen nome etc, para asegurarte de que non tes un perfil creado con algunha variante do nome.

No caso de que non teñas un perfil propio en Google Académico, pódelo crear: basta con iniciar sesión cunha conta de Google e desde a páxina principal de Google Académico escoller a opción "Mi perfil".

A continuación aparecerá un formulario para agregar información:

  • Nome: normalizado, tal como aparece nas publicacións. Tamén podes engadir distintas variantes do teu nome, como o nome completo se non é ese o que empregas para publicar, con ou sen iniciais etc. Consulta a nosa guía Autoría, sinatura científica e perfil investigador, para ter máis información sobre o mellor xeito de asinar as publicacións científicas.
  • Filiación: nome oficial da Universidade de Vigo; podes engadir tamén o centro de investigación, departamento, grupo... Consulta o "Protocolo para a normalización da sinatura científica" da Universidade de Vigo para poñer a filiación institucional.
  • Correo electrónico de verificación: é o correo institucional; utiliza preferiblemente a extensión .gal (por exemplo: bibliometria@uvigo.gal); isto garantirá que Google Académico identifique correctamente todos os autores e autoras da Universidade de Vigo.
  • Áreas de interese: palabras clave que definen o campo de investigación; podes engadilas en varios idiomas.
  • Páxina principal: podes engadir a páxina persoal, a do grupo de investigación, a da Universidade de Vigo; tamén podes engadir aquí a ligazón ao perfil persoal en ORCID (por exemplo, https://orcid.org/0000-0002-9396-468X).

Despois de introducir os datos no formulario, no paso seguinte, Google Académico localiza as publicacións de autores/as cuxo nome coincide co do perfil. Cómpre seleccionalas para engadilas ó perfil, en grupo ou unha a unha.

Por último, cómpre configurar o perfil:

É preferible que o perfil sexa público e que Google Académico non poida engadir publicacións de xeito automático. Así será máis fácil manter un perfil sen erros e con indicadores bibliométricos correctos.