Google Académico (Google Scholar) é o buscador de Google especializado en documentación científica e académica. Recupera os resultados desde editoriais, páxinas de universidades e outras institucións científicas, repositorios, bases de datos etc.
Que ofrece Google Académico?
- Inclúe resultados en moitos idiomas, de ámbitos xeográficos diferentes e de todos os ámbitos temáticos.
- Inclúe moitas tipoloxías documentais: non só artigos científicos senón tamén, comunicacións, informes, teses, patentes etc.
- Facilita o acceso ao texto completo dos documentos e podemos configuralo para que localice os documentos nos recursos da Biblioteca da Universidade de Vigo.
- Inclúe para cada resultado outros traballos que o citaron.
- Permite crear perfís de autor/a que agrupan os traballos de cada persoa coas citas recibidas e indicadores bibliométricos.
Pero...
- Cómpre peneirar os resultados: podes atopar artigos publicados nas revistas científicas máis prestixiosas ao carón de programas de materias universitarias, traballos académicos de escaso valor etc.
- Non existe un control de calidade das fontes polo que é posible que haxa erros nos resultados.
- A súa cobertura é imprecisa: Google non dá a coñecer as súas fontes.
- O sistema de busca é moi básico e ofrece poucas posibilidades de filtrado.