Ir ao contido principal
BIBLIOGUÍAS
Universidade de Vigo

Como afrontar o TFG

Citar e referenciar

Os traballos académicos e de investigación deben ser orixinais e basearse no coñecemento científico existente: teorías, ideas, datos etc., pero teremos que citar e indicar os datos bibliográficos de todas as fontes utilizadas na súa elaboración.
Ten que quedar claro que parte do traballo é froito do noso estudo e reflexión, e que información provén de documentos consultados. Deste xeito, respectaremos os dereitos de autor e non incorreremos en plaxio.

Razóns polas que citar

Ademais de facer un uso ético e legal da información, citar permítenos:

  • Demostrar que se coñece o publicado sobre un tema.
  • Reforzar os nosos textos co respaldo da autoridade doutros autores.
  • Indicar que os datos utilizados proceden dunha fonte fiable.
  • Diferenciar o que é de creación propia do resto.
  • Facilitar que o lector poida localizar a fonte de información.

Cando hai que citar

Teremos que citar sempre que mencionemos ou reproduzamos as palabras, ideas etc., doutras persoas, independentemente do soporte e da forma de acceso á información. Isto inclúe todo tipo de documentos: escritos, imaxes, audiovisuais, gráficos etc.

A Ley de Propiedad Intelectual recolle que "Es lícita la inclusión en una obra propia de fragmentos de otras ajenas de naturaleza escrita, sonora o audiovisual, así como la de obras aisladas de carácter plástico o fotográfico figurativo, siempre que se trate de obras ya divulgadas y su inclusión se realice a título de cita o para su análisis, comentario o juicio crítico. Tal utilización solo podrá realizarse con fines docentes o de investigación, en la medida justificada por el fin de esa incorporación e indicando la fuente y el nombre del autor de la obra utilizada".

Non obstante, non é necesario citar cando se trata de feitos ou coñecementos do dominio público ou amplamente compartidos por unha comunidade científica; é dicir, os feitos e ideas que son coñecidos por moitas persoas e polo tanto non é necesario citalo. Por exemplo:

Felipe González foi elixido presidente no ano 1982.

Colón descubriu América en 1492.