Na busca de información científica cómpre coñecer unha serie de técnicas para obter os resultados máis pertinentes e adecuados ante o gran volume de documentación existente.
O primeiro é ter claro o que estás a buscar e transformar o tema do teu TFG nunha consulta ou pregunta de investigación. Esta debe formularse nunha ou varias frases que describan o tema de forma completa, precisa e concisa, evitando preguntas xenéricas ou ambiguas. Por exemplo:
Causas do movemento migratorio de Galicia a America do sur no século XX
Na frase que describa o noso tema identificaremos os conceptos principais e máis relevantes, eliminando as palabras baleiras (preposicións, conxuncións, artigos, pronomes...) e as que teñan pouco significado ou moi xenérico (por exemplo: desenvolvemento, introdución, relación, aplicación, uso, efectos, análise etc.):
Migración Galicia América do Sur
Debemos ter en conta que un concepto pode expresarse con distintas palabras, polo que o seguinte paso é pensar en sinónimos e tamén en termos relacionados, máis xenéricos ou máis específicos. É importante que escollamos todos os termos baixo os que pode estar tratado o tema para recuperar a maior cantidade de información relevante:
Migración Galicia América do Sur
Emigración Galegos Sudamérica/Suramérica
Este conxunto de conceptos cos seus sinónimos e termos relacionados teremos que combinalos con operadores booleanos para poder expresar con precisión a busca. Estes operadores son AND/OR /NOT e funcionan en case todas as bases de datos e buscadores, aínda que poden estar expresados de diferentes formas ou linguas. Con frecuencia aparecen como AND/OR/NOT, pero ás veces aparecen traducidos a outras linguas (Y/E, O/OU, NO/NON...) ou expresados en frases como "Con todas as palabras“, "Con algunha das palabras“ etc.:
AND: o equivalente verbal sería “todas estas palabras” e recupera resultados que conteñan todos os termos.
Úsase para unir conceptos diferentes. É o operador empregado por defecto nas bases de datos e buscadores, é dicir, se non indicamos nada entre os termos de busca entenderá que hai un AND.
OR: o equivalente verbal sería “con algunha destas palabras” e recupera resultados que conteñan calquera dos termos. Émprégase para ampliar a busca con sinónimos e termos relacionados.
NOT: o equivalente verbal sería “sen as palabras” e serve para excluír da busca aspectos que non interesan.

Ademais dos operadores, existen outras posibilidades que se poden empregar nas buscas como:
Ao relacionar os termos cos operadores, a formulación da busca pode facerse nunha única caixa ou varias:


Unha vez realizada a busca debes revisar os resultados obtidos para comprobar se se axustan ao que necesitas ou tes que reformular a estratexia. O obxectivo é que os resultados sexan poucos, precisos e pertinentes.
Tan importante coma obter un número de resultados manexable é o contido do que atopas, é dicir, a súa relevancia para o tema. Pode ser que os resultados non sirvan para responder á pregunta realizada. Isto ocorre, xeralmente, porque non seleccionamos os termos adecuados ou a combinación non se realizou correctamente.
A revisión dos resultados permitirache detectar se recuperaches moitos documentos que en realidade non che interesan (ruído documental) ou se, pola contra, fáltache información relevante para o tema que deberías obter (silencio documental).
Para solucionar os posibles desaxustes, terás que reformular de novo a busca, modificando os termos seleccionados, eliminándoos ou engadindo outros novos, e modificando os campos de busca e os operadores utilizados.
Estes son algúns consellos para reformular a estratexia de busca:
| MOITOS RESULTADOS | POUCOS RESULTADOS |
|---|---|
| Engade máis conceptos relevantes | Elimina os conceptos menos relevantes |
| Busca en campos máis específicos | Busca en campos máis xerais |
| Introduce filtros | Engade sinónimos |
| Elimina truncamentos | Utiliza truncamentos |
Para seleccionar e xestionar os resultados é moi útil empregar xestores bibliográficos, programas que permiten recompilar referencias dun xeito automático dende distintas fontes de información, organizalas nunha base de datos persoal e empregalas na elaboración de citas e bibliografía.
É recomendable empregar un xestor bibliográfico se se manexa numerosa bibliografía, xa que facilitará a inserción de citas e xeración da bibliografía segundo os diferentes estilos de citación.
Existe unha ampla oferta de xestores bibliográficos, algúns gratuítos e outros de pago, cada un coas súas características. Consulta a biblioguía Xestores bibliográficos para obter máis información sobre os distintos xestores.
Como resultado da túa busca atoparás artigos, libros etc., pero non sempre dispoñibles a texto completo. Que podes facer nese caso?