Existen distintos tipos de bases de datos segundo o tipo de información que recollen: estatísticas, normas, lexislación, bibliográficas etc. Estas últimas son a mellor fonte de información para coñecer a literatura científica máis relevante producida nos distintos campos de investigación, xa que recompilan artigos de revistas, libros, actas de congresos etc. Podes localizalas consultando a listaxe de Recursos electrónicos A-Z.

As bases de datos bibliográficas poden ser multidisciplinares, que abranguen todas as disciplinas científicas como Scopus, Web of Science e Dialnet Plus ou especializadas, que recollen publicacións dunha área científica concreta.
Polo xeral adoitan contar con dúas opcións de busca:
- Básica ou sinxela: dispón dunha única caixa na que introducir os termos, polo que se realizan procuras menos precisas.

- Asistida ou avanzada: conta con varias caixas de busca, que permiten escoller os campos onde localizar os termos (autor, título, resumo...) e combinar estes con operadores booleanos (AND, OR, NOT). Nalgúns casos tamén se pode acoutar por distintos criterios como datas, linguas etc. Desta forma execútanse consultas máis precisas e obtéñense resultados máis pertinentes.

A información que proporcionan a maioría das bases de datos bibliográficas é só as referencias dos documentos (datos de autor, título, publicación...), aínda que ás veces poden ter ligazóns ao texto completo.
Se aparece esta icona
, preme nela para comprobar se a Biblioteca Universitaria ofrece acceso ao texto completo do documento.
