Ir ao contido principal
BIBLIOGUÍAS
Universidade de Vigo

Datos de investigación

Difundir os datos de investigación

Moitas axencias de financiamento e institucións teñen mandatos e políticas sobre a publicación en acceso aberto dos datos de investigación. Polo xeral é obrigatorio facer públicos os datos das investigacións financiadas con fondos públicos.
Horizonte Europa, o programa de investigación e innovación da Comisión Europea para o período 2021-2027, pon énfase no acceso aberto aos datos de conformidade co principio "tan aberto como sexa posible e tan pechado como sexa necesario".

O cumprimento destes mandatos e políticas adóitase realizar cumprindo os principios FAIR, depositando os datos nun repositorio de confianza e proporcionando acceso aberto aos mesmos. Non obstante, pode haber casos nos que teñan restricións de acceso. Á hora de difundir os datos de investigación haberá que ter en conta o marco legal que os afecta: propiedade intelectual, confidencialidade, privacidade e protección de datos de carácter persoal.

A importancia de compartir os datos

Existen numerosas razóns para compartir os datos de investigación, entre elas:

  • Promover a innovación e a reutilización dos datos que potencialmente poidan ter novos usos.
  • Facilitar a colaboración entre usuarios de datos, creadores de datos e reutilizadores.
  • Maximizar a transparencia e a fiabilidade dos datos.
  • Favorecer a reproducibilidade dos ensaios experimentais.
  • Permitir a verificación dos resultados de investigación.
  • Reducir custos ao evitar a duplicación de datos.
  • Aumentar o impacto e a visibilidade da investigación.