Ir ao contido principal
BIBLIOGUÍAS
Universidade de Vigo

Datos de investigación

Xestión dos datos de investigación

O documento "La conservación y reutilización de los datos científicos en España. Informe del grupo de trabajo de buenas prácticas" realizado pola FECYT contempla que a correcta xestión dos datos de investigación é unha parte fundamental de proceso de investigación.
Esta xestión consiste na toma de decisións e accións desde antes da creación dos datos, durante a súa creación e uso e ao longo do seu ciclo de vida. 

Algunhas das cuestións que debe de incluír unha correcta xestión de datos son:

  • Un plan de xestión de datos como parte da proposta de financiamento que anticipe os retos da xestión e propoña solucións aos mesmos.
  • Tratar as cuestións éticas e legais oportunas referentes a datos persoais sensibles, copyright e licenzas de acceso e uso dos datos.
  • A organización e documentación dos datos de acordo a estándares disciplinares e internacionais que permitan coñecer que son os datos e como se crearon para poder ser reutilizados.
  • Mecanismos apropiados de almacenamento, back-up e seguridade da información que aseguren a confidencialidade, integridade e dispoñibilidade da información.
  • Arquivo dunha copia final dos datos en centros de datos especializados que tomen as medidas necesarias para a preservación e difusión dos datos.  

Plan de Xestión de Datos de Investigación

Un Plan de Xestión de Datos de Investigación (PXD), ou en inglés Data Management Plan (DMP), é un documento que describe como se xestionarán os datos durante unha investigación, dende a súa creación ata o seu arquivo e difusión.

A elaboración dun plan de xestión de datos mellora a xestión dos proxectos e é requirido, entre outros, nos proxectos de investigación financiados polo Programa Horizonte Europa que xeren ou reutilicen datos dentro dos 6 primeiros meses do proxecto..

O PXD é un documento en constante evolución, que vai modificándose durante o transcurso do proxecto de investigación, cambiando e ampliando os apartados a medida que este avanza e evoluciona.

Recoméndase que a primeira versión do PXD conteña a información máis importante, sen exceder os 10000 caracteres aproximadamente. Isto facilitará a evolución do documento e do proxecto simultaneamente.

Os Plans de Xestión de Datos poden sufrir alteracións dependendo das convocatorias de axudas nas que concursemos. Porén, existen certos aspectos que están presentes en todos os modelos.

Nun Plan de Xestión de Datos débese:

  • Detallar o formato no que os datos da investigación serán recollidos e almacenados.
  • A nomenclatura utilizada para nomear estes ficheiros debe plasmar o seu contido e ser inequívoca.
  • Incluír as licenzas baixo as cales os datos estarán dispoñibles.
  • Especificar o repositorio no que se almacenarán e protexerán os datos resultantes da investigación.
  • Incluír unha previsión dos costes asociados á xestión dos datos de investigación, onde se detalle o presuposto do acceso aberto, a publicación en repositorios etc.

A Rede de Bibliotecas Universitarias (REBIUN) e a Conferencia de Rectores das Universidades Españolas (CRUE) elaboraron unha infografía onde se resume dunha maneira moi clara os aspectos a ter en conta á hora de elaborar un PXD:

pasos plan xestion de datos de investigación
Fonte: "O ciclo dos datos científicos" REBIUN

Ferramentas para o Plan de Xestión de Datos

Na actualidade existen ferramentas e modelos que axudan na elaboración do Plan de Xestión de Datos (PXD). Estas ferramentas soen ser colaborativas, de modo que todos os membros dun equipo de investigación poderán colaborar na elaboración do PXD. Algunhas delas inclúen explicacións, recomendacións e suxerencias para cada un dos apartados do PXD.
Entre elas destacan:

Ademais, Science Europe publicou a "Practical Guide to the International Alignment of Research Data", unha guía para redactar un PXD e que inclúe información para (auto)evaluación do PXD.

Por outra banda, para estimación dos costes derivados da xestión de datos de investigación, existen guías e iniciativas que axudan nesta tarefa como Zingtree e a Guía da Universidade de Utrecht.