Ir ao contido principal
BIBLIOGUÍAS
Universidade de Vigo

Datos de investigación

Principios FAIR

Para que os datos de investigación cumpran cos requirimentos da ciencia aberta deben depositarse en aberto seguindo os principios FAIR, que aseguren que as investigacións sexan replicables e que os datos colleitados para unha investigación poidan usarse tamén noutros proxectos.

Os principios FAIR representan un conxunto de directrices e boas prácticas desenvolvidas polos propios investigadores para garantir que os datos (ou calquera obxecto dixital) sexan Findable (localizables), Accessible (accesibles), Interoperable (interoperables) e Reusable (reutilizables).

 

datos FAIR

Fonte: Wikipedia Commons

 

Como recolle Alcalá e Anglada en "FAIR x FAIR. una aproximación pragmática a la gestión de datos de investigación en modo FAIR" (2019), estes principios significan que os datos deben encontrarse a través da asignación dun identificador único e persistente e unha correcta descrición mediante os metadatos. Unha vez atopados, os datos deben ser accesibles con ou sen restricións mediante procesos de autenticación e/ou autorización e protocolos de comunicación abertos, e deben interoperar con outros datos, repositorios e aplicacións. Ademais, os datos deben ser reutilizables para acelerar os descubrimentos científicos e aforrar custos na súa confección.

Os principios fan referencia a tres tipos de entidades: datos (ou calquera obxecto dixital), metadatos (información sobre ese obxecto dixital) e infraestruturas.
Algunhas das medidas necesarias para asegurar o cumprimento dos principios son: 

- Localizables
O primeiro paso para (re)utilizar datos é atopalos. Os metadatos e os datos deben ser fáciles de atopar tanto para as persoas como para as computadoras:

  • Aos (meta)datos asígnaselles un identificador global único e persistente como DOI ou handle.
  • Os datos descríbense con metadatos enriquecidos necesarios para a súa localización e uso.
  • Os (meta)datos rexístranse ou indexan nun recurso que se poida buscar.

Accesibles
Unha vez localizados os datos precísase saber como poder acceder a eles: 

  • Os (meta)datos pódense recuperar polo seu identificador utilizando un protocolo de comunicacións estandarizado.
  • O protocolo é aberto, gratuíto e de implementación universal.
  • Cando sexa necesario o protocolo permite un procedemento de autenticación e autorización.

Interoperables
Os datos xeralmente necesitan integrarse con outros datos, interoperar con aplicacións ou fluxos de traballo para a súa análise, almacenamento e procesamento:

  • Os (meta)datos utilizan unha linguaxe formal, accesible, compartida e amplamente aplicable para a representación do coñecemento.
  • Os (meta)datos empregan vocabularios que seguen os principios FAIR.
  • Incluír referencias cruzadas e ligazóns entre datos e metadatos. 

- Reutilizables
O obxectivo último de FAIR é optimizar a reutilización dos datos. Para logralo, os datos e os metadatos deben estar ben descritos de forma que poidan replicarse e/ou combinarse en diferentes contextos:

  • Os (meta)datos descríbense detalladamente cunha pluralidade de atributos precisos e relevantes.
  • Os (meta)datos publícanse cunha licenza de reutilización clara e accesible.
  • Os (meta)datos están asociados coa procedencia (creación, atribución e historial de versións).
  • Os (meta)datos utilizados cumpren cos estándares comúns da área de coñecemento á que se refiren os datos.

Avaliación do grao FAIR

Existen recursos para axudar a medir o grao FAIR dos datos: