APA segue un sistema de cita no texto de autor-data:
Hai dúas formas de facer as citas no texto:
a) Entre paréntese: autor e ano van entre paréntese separados por unha coma. Por exemplo:
A causa principal da crise é o sistema capitalista (Walker, 2004)...
b) Narrativa: o autor incorpórase ao texto formando parte da oración e vai seguido do ano entre paréntese (agás que o ano estea no fluxo narrativo en cuxo caso non se usa a paréntese). Por exemplo:
Walker (2004) opina que a causa principal da crise...
Xa Walker no 2004 opinaba que a causa principal da crise...
APA recomenda parafrasear as fontes consultadas e non citalas literalmente. Nas paráfrases non é preciso indicar as páxinas, agás que se considere necesario para localizar información relevante:
Este tipo de probas psicométricas tivo unha ampla aceptación, sendo aínda na actualidade empregado en diversas investigacións que estudan os comportamentos creativos en diferentes ámbitos (Kim, 2006), así como en investigacións de metodoloxías de desenvolvemento da creatividade motriz desde a área de educación física (Justo e Franco, 2008).
Cando reproducimos literalmente as palabras do autor/a hai que engadir sempre as páxinas nas que aparece o texto citado.
No caso de non ter páxinas numeradas indicaremos outra información que permita localizar a pasaxe citada (nome de sección, número de parágrafo etc.), e no caso de obras audiovisuais indicaremos o momento do comezo da cita (por exemplo, 1:02).
O estilo APA diferencia dous tipos de citas textuais: citas curtas (menos de 40 palabras) e citas longas (40 palabras ou máis):
O fragmento citado vai entre comiñas integrado no texto, coas dúas posibilidades:
a) Entre paréntese: autor, ano e número de páxina van entre paréntese despois da cita ou ao final da frase:
O que se deduce dos datos recollidos é que "esta formación debe ser considerada como formación de posgrao, coas súas especificidades, no exercicio, na transferencia do coñecemento á acción e na aprendizaxe" (Serrallé Marzoa et al., 2010, p. 35).
b) Narrativa: autor incorporado ao texto seguido do ano entre paréntese, e o número de páxina vai despois da cita entre paréntese:
Afima Dans (2016) que "para toda una generación, esa connotación de expresión efímera es precisamente lo que evoca internet" (p. 11).
Se a cita textual precede á citación, o número de páxina vai despois do ano separados por coma:
"Para toda una generación, esa connotación de expresión efímera es precisamente lo que evoca internet" afirma Dans (2016, p. 11), xa que ....
A cita aparece como un bloque de texto independente, a dobre espazo e cunha sangría na marxe esquerda de aproximadamente 1, 27 cm. coas dúas posibilidades:
a) Entre paréntese: autor, ano e número de páxina van entre paréntese despois da puntuación final da cita:
Estes autores describiron a situación de moitos centros educativos:
Todos estes datos amósannos por un lado, que a maior parte das actuacións de educación para a saúde que se realizan e nas que o departamento de orientación colabora ou organiza, son as referidas fundamentalmente a programas elaborados ou publicados a gran escala e a intervencións de persoas ou institucións alleas ós centros educativos, sendo máis escasas as actividades deseñadas especificamente pola institución escolar. E por outro lado, que en mans dos orientadores/as quedan fundamentalmente as tarefas de coordinación, promoción e difusión, así como de avaliación. (Domínguez Bravo e Veiga Soutelo, 2010, p. 49)
b) Narrativa: autor incorporado ao texto seguido do ano entre paréntese, e o número de páxina ponse despois da puntuación final da cita entre paréntese:
A situación de moitos centros educativos describírona Domínguez Bravo e Veiga Soutelo (2010):
Todos estes datos amósannos por un lado, que a maior parte das actuacións de educación para a saúde que se realizan e nas que o departamento de orientación colabora ou organiza, son as referidas fundamentalmente a programas elaborados ou publicados a gran escala e a intervencións de persoas ou institucións alleas ós centros educativos, sendo máis escasas as actividades deseñadas especificamente pola institución escolar. E por outro lado, que en mans dos orientadores/as quedan fundamentalmente as tarefas de coordinación, promoción e difusión, así como de avaliación. (p. 49)