Ir ao contido principal
BIBLIOGUÍAS
Universidade de Vigo

Estilo APA

A listaxe de referencias

  • Debes incluír todos os recursos que utilizaches na realización do traballo, de xeito que cada cita no texto teña a súa correspondente referencia na lista final.
  • Unha excepción a esta regra son as citas de comunicacións persoais (cartas, correos-e  etc.), sitios web completos, software de uso común etc., que non se inclúen nesta lista de referencias final. 
  • A lista de referencias comezará nunha páxina nova co título "Referencias" en posición centrada e letra grosa.
  • Todas as referencias irán a dobre espazo, e cada entrada coa primeira liña totalmente á esquerda e as subseguintes con sangría de 1,27 cm.

Lista referencias APA

As referencias ordénanse alfabeticamente pola primeira palabra da referencia, tendo en conta que:

  • Se un autor ten varias obras, ordenaranse pola data de publicación (da máis antiga á máis recente).
  • No caso de obras dun mesmo autor e ano distinguiranse incluíndo unha letra minúscula despois do ano, tanto na referencia como na cita no texto. Nestes casos, as referencias que só inclúen o ano preceden ás máis específicas, e estas últimas colócanse en orde cronolóxica. Se as referencias tamén teñen datas idénticas, entón ordenaranse alfabeticamente polo título (sen ter en conta as palabras "A", "An" e " The" ao comezo do título).
  • Autores cos mesmos apelidos e diferentes iniciais ordenaranse pola orde alfabética das iniciais (nas citas no texto tamén se incluirán as iniciais do nome).
  • As referencias das publicacións individuais preceden as obras en colaboración cando comezan co nome da mesma persoa, aínda que a obra en colaboración se publicara con anterioridade.
  • No caso de traballos dun autor en colaboración con outros autores, a orde virá indicada polo apelido do segundo autor ou o terceiro en caso de coincidir o segundo e así sucesivamente, independentemente do ano de publicación.
  • Os números ordénanse como se estiveran escritos con letras (por exemplo: 24 ordénase coma se puxera vinte e catro).